Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Padrón arrinca a campaña de Nadal cun concurso de decoración de balcóns, escaparates e fachadas


Particulares, comercio e hostalería poderán inscribirse para participar ata o vindeiro día 10 de decembro

Co obxectivo de dinamizar a vila e de animar o rueiro do municipio de cara ao Nadal, o Concello de Padrón vén de dar luz verde en Xunta de Goberno ao primeiro concurso de decoración de balcóns, fiestras, escaparates e fachadas ao longo do municipio. O deseño desta iniciativa busca a participación activa da veciñanza e dos sectores do comercio e da hostalería do Concello para crear unha imaxe global máis atractiva tanto para a veciñanza como para os visitantes. Os elementos decorativos de Nadal contribuirán así a embelecer e poñer en valor o patrimonio arquitectónico da vila.

Coa vista posta nunha campaña de Nadal marcada sola pandemia da Covid-19, Lorena Couso, concelleira de Turismo, incidiu na “necesidade de impulsar de xeito especial estas festas para manter viva a tradición e dinamizar o consumo na nosa vila”.

O período de exhibición das decoracións deberá ser do 10 de decembro ao 7 de xaneiro, ambos incluídos, e os adornos non poden causar, en ningún caso, molestias á cidadanía nin perigos a persoas ou bens. Poden participar no concurso todas aquelas persoas maiores de 18 anos de idade que o desexen, e para facelo deben cubrir o formulario de inscrición e enviar tres fotografías da fachada, balcón, fiestra ou escaparate ao e- enderezo turismo@padron.gal ata o 10 de decembro de 2020. A inscrición será de balde
e realizárase na Oficina de Turismo de Padrón situada na planta baixa da Biblioteca Municipal, na Avenida de Compostela s/n, ou no correo electrónico turismo@padron.gal .
Diferenciaranse dúas categorías, a de particulares que poden realizar a súa montaxe no seu balcón, fiestra, porta ou fachada, e a de empresas, que inclúe establecementos hostaleiros e comerciais do concello de Padrón.

Pola súa banda, as persoas integrantes do xurado outorgarán os premios segundo a valoración que fagan cos seguintes criterios: orixinalidade/creatividade na ornamentación (ata cinco puntos), inclusión de elementos de identidade local (ata dez puntos) e emprego de materiais de refugallo ou eco-sostibles (ata cinco puntos). O xurado outorgará dúas categorías de premios, un premio a particulares e un premio a empresas. O premio especial outorgarase á decoración de Nadal que máis ‘Gústame’ teña no álbum de imaxes que se colgará na páxina de Facebook de Padrón Turismo con todas as decoracións participantes. O día 18 de decembro de 2020 comunicarase a través das diferentes vías de promoción do Concello cales son as decoracións gañadoras.

As empresas optan a un premio de 500 euros, os particulares a un premio de 250 euros e o premio especial está dotado con 100 euros. As cuantías dos premios deben consumirse nos locais do comercio e da hostalería local, e as persoas gañadoras teñen de prazo ata o 30 de xaneiro de 2021 para realizar o gasto e presentar os recibos das súas compras na Oficina de Turismo.

Asemade, a Asociación de Hostalería de Padrón aporta cinco vales de 20€ para consumir nos seus establecementos, que se sortearán entre as persoas que participen na votación a través da rede social Facebook na página de @TurismoPadrón.